Saturday 20 de April de 2024

Iago Toba, Sandra Insua e Mónica Rodríguez reúnense para articular o desenvolvemento do segundo obradoiro de emprego conxunto


No encontro tamén estiveron presentes os ADL dos respectivos concellos.

Iago Toba, Sandra Insua e Monica Rodríguez reuníronse hoxe no Concello de Muxía para comezar a articular o desenvolvemento do segundo obradoiro de emprego conxunto que desenvolveran estas tres administracións para darlle oportunidades laborais á súa veciñanza.
No encontro tamén participaron os Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) dos respectivos municipios, que expuxeron os contidos do programa de cada unha das dúas especialidades que se levarán a cabo no marco desta iniciativa: ‘Promoción turística local e información ao visitante’ e
‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’.
Dará comezo no mes de decembro e terá unha duración de 9 meses, ofertándose un total de 20 prazas.
Os rexedores e rexedoras destes municipios destacaron que “non dubidaron en unir forzas para conseguir algo que é moi beneficioso para os veciños e veciñas das súas localidades, xa que tamén serve para frear o éxodo cara as cidades”.
Obradoiro de emprego dual
Muxía, Vimianzo e Camariñas conseguiron unha subvención de 346.846,05 euros para levar a cabo o programa de emprego, baixo o sobrenome de “Camiño ao emprego”. Este é un programa mixto de emprego e formación, dirixido a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade.
A formación recibida vai dirixida á obtención dun certificado de profesionalidade, neste caso trátase dun certificado de nivel 1 coa especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e un certificado de nivel 3 coa especialidade de promoción turística e información ao visitante.